AMBITOS DE APLICACIÓN

- Obras de arte e patrimonio -
- Estructuras -
- Retablos -
- Vivendas -
- Mobles -


AXENTES BIOLÓXICOS DA MADEIRA

Térmites

Insectos sociais repartidos entre diversas familias. En Europa están citadas só catro especies. As máis perigosas para as estructuras son as especies subterráneas e fundamentalmente Reticulitermis lucifugus e Santonensis.

As térmites en Europa só se encontran en zonas xeográficas moi limitadas, sendo Galicia unha delas. Nestas zonas a protección da madeira é complementaria de outras medidas de protección a desenvolver, por exemplo, sobre cimentacións, chans ou muros.

As térmites aliméntanse de celulosa, que encontran na madeira e nos seus derivados -papel, cartón, conglomerado, etc.-. Non son capaces de degradar a celulosa por elas mesmas, de maneira que posúen protozoos no seu tubo dixestivo que o fan por elas. Os productos derivados da dixestión destes microorganismos son aproveitados polas térmites.

Insectos de ciclo larvario

Insectos voadores que efectúan as súas postas nos poros ou fendeduras da madeira e as súas larvas atacan a madeira.
Están presentes en toda Europa, pero o risco de ataque varia e pode ser dende moi elevado a practicamente insignificante. Os máis importantes son: Hylotrupes bajulus, Anobium punctatum e Lyctus brunneus. Existen moitos outros coleópteros destructores da madeira de menor importancia, por exemplo, Xestobium rufovillosum.

· Caruncho grande (Hylotrupes bajulus)

Insecto presente en altitudes de ata aproximadamente 2.000 metros, pero de pouca importancia no norte e noroeste de Europa. A súa vitalidade e lonxevidade dependen fundamentalmente da temperatura ambiente e do contido de humidade da madeira. Ataca a diversas especies de coníferas. No caso de ataque pode supoñer danos graves de carácter estructural.

· Caruncho (Anobium punctatum)

Insecto causante de ataques á albura de determinadas especies. En algunhas delas os danos poden afectar tamén ó durame. A súa presencia pode ter algunhas veces importancia para as prestacións da estructura. É especialmente frecuente en climas costeiros ou en lugares con ambiente húmido

· Xestobium rufovillosum


De certa importancia sobre todo nas madeiras frondosas utilizadas en estructuras antigas na maior parte de Europa.

· Lyctus brunneus

Insecto que ataca a albura de certas frondosas que conteñen amidóns e de certa importancia en toda Europa. Actúa sobre as madeiras frondosas, tanto europeas como de importación.


Fungos


Fungos destructores da madeira

É necesario un contido de humidade da madeira maior do 20% para a proliferación destes fungos.

· Fungos Basidiomycetas de pudrición da madeira
Fungos causantes da pudrición cúbica e branca, pero non da pudrición branda.

· Fungos de pudrición branda
Fungos causantes dun tipo de pudrición caracterizada por un rebrandecemento da superficie da madeira, aínda que poden producir tamén pudrición en profundidade.
Estes fungos necesitan unha humidade da madeira máis alta que os basidiomicetos. Afectan especialmente a madeira en contacto co chan ou con auga.

Fungos cromóxenos da madeira

Fungos causantes do azulado e de balorecerse a madeira.
Estes fungos só afectan na práctica a aspectos estéticos. Poden degradar os revestimentos decorativos.

· Mofos
Fungos que se manifestan na superficie das madeiras húmidas formando manchas de cores variados que precisan un contido de humidade superficial superior ó 20% (por exemplo, como consecuencia da condensación do vapor da auga nun ambiente de elevada humidade relativa). Estes fungos non supoñen modificación importantes nas propiedades mecánicas da madeira. Teñen unicamente unha influencia significativa para a madeira posta en obra se a degradación estética que orixinan é indesexable ou inaceptable.
Estes fungos non son específicos da madeira e poden aparecer sobre calquera material que presente un grao de humidade elevado.


· Fungos de azulado
Fungos causantes dunha coloración azulada a negrura permanente, de intensidade e duración variables, fundamentalmente na albura de certas madeiras. Esto non supón cambios notables nas propiedades mecánicas, pero pode aumentar a permeabilidade.

xilófagos mariños

Denominación que se lle aplica fundamentalmente a invertebrados mariños tales como Limnoria spp. e Teredo spp. que precisan certa salinidade da auga e que se reproducen na madeira orixinando galerías e cavidades.
Estes organismos poden producir danos de consideración en estructuras fixas ou flotantes.
Estes fungos, insectos e xilófagos mariños afectan a madeira e os seus productos derivados de diferentes formas. A importancia do ataque destes axentes pode ser diferente para a madeira maciza e para os taboleiros derivados da madeira.

MÉTODO DE ACTUACIÓN

· Identificación do axente causante do dano
· Clasificación da especie de madeira
· Cuantificación de danos
· Localización no plano -localización do ataque e fontes de humidade-
· Limpado e aspirado da madeira a tratar
· Eliminación das partes da madeira que teñan perdido totalmente a súa capacidade de carga
· Substituír a madeira eliminada por madeira previamente tratada ou con próteses de resina epoxi
· Medidas preventivas
· Medidas correctoras

Próteses epoxi
As madeiras en avanzado estado de degradación, que necesiten conservarse polo seu importante valor artístico, ornamental ou estructural precisan, ademais do seu saneamento, a consolidación que lles devolva as propiedades mecánicas perdidas ó longo do tempo.
Os anacos de viga inservibles son substituídos por unha estructura de resina armada, profundamente ancorada que fai que a madeira recupere a súa resistencia.


SISTEMAS DE APLICACIÓN

Sistemas tradicionais

· Inxección nas pezas de sección grande é o método máis eficaz como curativo, ofrece unha total garantía. Consiste na aplicación dun insecticida ou funxicida con inxectores colocados na madeira provistos dunha válvula de retención.
· Barreiras perímetrais para evita-lo acceso das térmites as fontes de alimentación
· Pulverización aplicada a toda a superficie de madeira previamente limpa.
· Termonebulización en pezas de madeira pouco permeable e de sección grande

Sistemas alternativos

Térmites
· Control bioquímico baseado nun método alternativo de loita biolóxica contra térmites, fundamentado en cebos alimenticios formados por un soporte celuloso, cunha extraordinaria apetencia e atracción para as térmites. Estes soportes están impregnados uniformemente dun inhibidor da síntese da quitina co que conseguimos a eliminación total da colonia.

Caruncho
· Feromonas e trapelas os insectos emiten productos orgánicos que son mensaxeiros químicos, cos que provocan unha resposta noutros individuos da súa mesma especie ou doutra, a xeito de comunicación química. Denominamos a estes semioquímicos que exercen a súa acción sobre os individuos da mesma especie: feromonas. Co emprego de feromonas de atracción sexual, agregación, trazadoras, de alarma e disuasorias conseguimos de xeito ecolóxico o control de insectos.