DESRATIZACIÓN

AMBITOS DE APLICACIÓN

- Áreas urbans -
- Centros de educación -
- Hospitais e centros de saúde -
- Xeriátricos -
- Residencias -
- Parques e polígonos industriais -
- Industría téxtil -
- Industría do metal -
- Industría da madeira -
- Industría da electricidade -
- Industría do gas -
- Industría da construcción -


Especies de roedores

O medio no que vivimos reúne características vantaxosas para a colonización e reproducción de roedores, debido ás condicións de hábitat que ofrece a estes vectores. Ademais dos nutrientes que se lles fornecen en numerosas zonas, cómpre subliña-la súa facilidade de acceso e mobilidade por tódolos espacios: rede de sumidoiros, rexistros de iluminación, zonas de residuos públicos, etc.

En case tódalas ocasións nas que as ratas producen molestias no contorno é porque existe un acceso dende a rede de sumidoiros ata a zona onde producen o problema.

As especies de roedores que podemos atopar no noso contorno son:
Rattus norvergicus, tamén coñecida como rata común, parda ou gris. O seu medio preferido é toda a zona de conducción de saídas de augas e rede de sumidoiros, debido á súa predilección pola humidade. Así mesmo, podémola atopar en espacios exteriores, con fácil acceso a contedores de lixo e zonas insalubres. É pouco áxil e mala gabeadora, polo que ó raro se instala en edificios. Adoitan vivir en covos que constrúen preferentemente en lugares húmidos ou próximos á auga.

Rattus rattus, coñecida como rata negra ou rata doméstica. Atópase principalmente en edificios, paredes, armarios, almacéns, etc., en lugares secos onde constrúen os covos. É grande gabeadora, moi activa e áxil: adoita vivir longo tempo no lugar elixido sen facer grandes desprazamentos para alimentarse e procurando non pasar ó descuberto, aínda que isto a obrigue a alonga-los percorridos.

Mus musculus, é o rato doméstico. Pode habitar en distintos medios, aínda que prefire vivendas, edificacións, almacéns, etc. É bo gabeador e saltador e ve perfectamente de noite. A súa voracidade faille esmigallar máis alimentos dos que come. Para a súa alimentación prefire o gran de cereal. Posúe un bo sentido olfactivo e uns potentes incisivos que lle permiten roe-los materiais máis insospeitados; gústalle o papel e a tea, así que poden ocasionar danos importantes.


Enfermidades e danos

A importancia desta temática na saúde pública vén determinada polas súas consecuencias sanitarias e económicas.

Entre as enfermidades que se poden transmitir directa ou indirectamente a través dos roedores cabe subliñar, segundo o mecanismo de transmisión:

1. Por inoculación directa, mordedura: rabia, tularemia, soloku.

2. Por contaminación dos alimentos, augas ou pos, polas súas feces e mexo: salmonelose, botulismo, leptospirose, amebiase, micosevarias, coccidiose, helmintíase intestinal, bilharziose, melidiose, coriomeninxite linfocitaria e febres hemorráxicas.

3. Como caldo de cultivo de enfermidades que pasan ó home a través de ácaros ou artrópodos hematófagos: leishmaniose, tripanosomiase, peste bubónica, rickettsiose, bartonelose, febre recorrente e febre de lassa.

4. Infectando animais domésticos que, pola súa vez, poden infecta-lo home: brucelose, triquinose, febre aftosa, estomatite vesicular, peste porcina e mal vermello.

Os roedores, debido á necesidade de manteren afiados os seus dentes incisivos -que medran a razón de 10 centímetros por ano-, esmiúzan moito máis do que necesitan para nutrírense. Causan danos a unha ampla gama de alimentos almacenados, tanto polo que inxiren, como polo que esmigallan. As especies que viven en edificios ou nos arredores danan as estructuras nas que fan covos e ó roeren nelas, o que afecta ós cimentos. A grande apetencia por roer cables é causa de danos directos e indirectos, como poden se-los incendios.

Sistemas de aplicación

Catro son os puntos básicos para obter uns bos resultados na reducción da poboación múrida:

  • Inspección para identifica-las especies involucradas e os factores ambientais
  • Propostas de hixiene e limpeza para impedi-lo seu acceso ós alimentos e mais ó refuxio
  • Prevención pasiva da infestación con eliminación de puntos de entrada
  • Reducción da poboación múrida mediante a aplicación de rodenticidas, trapelas e outras medidas

Se o control de roedores require bos coñecementos sobre a súa bioloxía e comportamento, tamén na elección do rodenticida é fundamental. Cebos sólidos, en forma de cereal enteiro, partido ou granulado, xeles, bloques parafinados ou de extrusión. Cando non é posible trata-los roedores cun rodenticida común -en zonas moi delicadas-, as trapelas mecánicas ou adhesivas son a solución idónea.

DESINSECTACIÓN

AMBITOS DE APLICACIÓN

- Áreas urbans -
- Centros de educación -
- Hospitais e centros de saúde -
- Xeriátricos -
- Residencias -
- Parques e polígonos industriais -
- Industría téxtil -
- Industría do metal -
- Industría da madeira -
- Industría da electricidade -
- Industría do gas -
- Industría da construcción -

A desinsectación enténdense como un conxunto de técnicas e métodos dirixidos a previr e controla-la presencia de certas especies de artrópodos -insectos, arácnidos, miriápodos e crustáceos-, nocivos nun hábitat determinado.

Cascudas: o seu ciclo de vida pasa por tres estadios: ovo, ninfa e adulto; poden tardar en completarse de 2 a 3 meses en condicións favorables. Os insectos adultos aparéanse de 7-10 días despois de completa-lo seu crecemento. A femia pon os ovos en cápsulas que leva debaixo do corpo; estas cápsulas conteñen un termo medio de 40 ovos. En condicións normais poden vivir de 9 a 10 meses, pero o tempo redúcese a 2 ou 4 semanas se carecen de alimento e auga.
Viven en gretas ou fendeduras, debaixo de mobles, nas cociñas, vertedoiros, desaugadoiros, sumidoiros e latrinas. Son activa durante a noite. Atráenas a calor e a humidade. Aliméntanse de calquera cousa: comestibles, papel, coiro, pelo, teas, goma, sangue seco, excrecións, esputos e doutras cascudas.

Piollo: o seu ciclo vital consta de tres estadios: ovo, ninfa e adulto, que se completan en 18 meses en condicións favorables. Os ovos son de cor esbrancuxada e teñen forma oval alongada. As femias poñen un termo medio de 8-10 ovos diarios ata un total de 50-100 no caso do piollo da cabeza e 200-300 no caso do piollo do corpo.
O piollo da cabeza vive no coiro cabeludo, sobre todo detrás das orellas e na parte da caluga, e pega os seus ovos ó pelo, preto da cabeza. En cambio, o piollo do corpo vive na roupa, en lugares onde está en contacto co corpo, por exemplo: axilas, entreperna, van, pescozo, ombros, etc. Pega os seus ovos nas costuras da roupa.

Chinche: o seu ciclo de vida pasa por tres estadios: ovo ninfa e adulto, e pode completarse en 7-10 semanas en condicións favorables. Os ovos son ovalados e de cor branco perla. Pode permanecer indefinidamente no estadio de ovo ou de ninfa se non dispón de comida. O insecto adulto vive desde varios meses a 1 ano; a femia pode poñer de 75 a 500 ovos a un ritmo de 2-3 diarios.

Vive en gretas e fendeduras de paredes e pisos, mobles, armazóns de camas, colchóns, marcos de cadros, empapelado, libros, papeis, caixas, etc. Dana en xeral todo o fabricado con madeira ó deposita-los seus ovos e excrementos. Evita a luz; é activa durante a noite.

Mosca doméstica: o seu ciclo de vida ten catro estadios: ovo, larva, crisálida e adulto; tarda en completarse unhas tres semanas en condicións favorables. Os ovos son brancos e ovalados. A larva é cilíndrica, pero coniforme nun dos extremos e de cor branca. A crisálida é un estadio de repouso. Os insectos adultos aparéanse 2-20 días despois de emerxeren e poden vivir aproximadamente un mes; as femias poñen en total arredor de cincocentos ovos.
Reprodúcese en esterco, excrementos de seres humanos, lixo, augas residuais, residuos vexetais e outras materias orgánicas en descomposición. Durante o día atópase preto da fonte de alimento e dos lugares de reproducción mentres que durante a noite descansa nos ceos rasos, na parte superior das paredes, en cables, cordeis, bordos e superficies ásperas. Come alimentos humanos, lixo, excrementos e material animal e vexetal en descomposición. Os sitios onde se alimenta están a 100-500 metros dos lugares de reproducción.

Mosquito: o seu ciclo de vida ten catro estadios: ovo, larva, crisálida e adulto, que poden completarse, segundo a especie, en 8-15 días. O principal hábitat para a reproducción dos mosquitos é a auga pero pode variar, segundo a especie, entre auga limpa ou contaminada.
Para descansar optan por lugares escuros, fríos e húmidos. Nas vivendas elixen roupa e accesorios colgados, espacios debaixo dos mobles, paredes, ceo raso, etc.; nos arredores da vivenda atópanse en matas de vexetación, buratos nas árbores, tubos de desaugue, etc.

Pulgas: as especies máis importantes son a pulga do home, a pulga do gato e a pulga do can. As pulgas críanse cerca dos seus hospedes, no po, no lixo, en fendeduras do piso, alfombras, etc. Requiren para o seu desenvolvemento moita humidade; o clima seco élles pouco favorable.

Formigas: coñécense máis de seis mil especies de formigas con hábitos distintos. A maioría ten aspectos beneficiosos porque se alimentan de insectos. Outras poden clasificarse como pragas porque se alimentan de sementes e plantas e infestan vivendas e outros recintos. As formigas buscan alimento en casas, almacéns, xardíns, etc. O alimento varía de acordo á especie e inclúe productos doces, alimentos graxos, carne, partes das plantas como raíces, follas e froitos.

Arañas: case tódalas arañas son benéficas ou inofensivas, soamente algunhas poucas son perigosas. Dentro das especies perigosas para o home inclúense a viúva negra e araña do café. Existen outras especies que pican o home, pero aínda que as súas picadas son dolorosas, non son velenosas.

Ácaros do po: son diminutas arañas, de tamaño microscópico, que xeralmente se atopan no po doméstico. Nun chisco de po podemos atopar varios miles de ácaros.
Os ácaros son un dos principais factores desencadeadores de alerxias e asma nas persoas. Os ácaros do po son os máis difíciles de eliminar.

Pragas de artigos de la -Traza e escaravellos-: nalgunhas ocasións pódense observar danos parciais en vestidos de la ou pelo animal e peles cando se sacan do armario despois dun período prolongado. Os danos causados por pragas nos artigos téxtiles tamén poden dar orixe a grandes perdas económicas, se se danan preciosas alfombras e teares antigos feitos á man.

Transmisión de enfermidades

  • Deixan sobre alimentos e pratos excrementos que poden contamina-la comida
  • Deterioran productos almacenados
  • Transmisores de enfermidades
  • Producen cheiro nauseabundo
  • Pican e succionan sangue
  • A picada causa irritación e comechón
  • Perturban o sono

Sistema de traballo

Prevención

  • Evita-la presencia de gretas ou humidades nos edificios, para limita-lo acceso a estes recintos.
  • Eliminar correctamente o lixo, tanto nas instalacións e edificios como no ambiente.
  • Limpeza e hixiene ambiental para evitar que se creen condicións favorables á expansión dos insectos.
  • Limpeza e hixiene persoal como medidas profilácticas xerais e específicas para determinadas especies vectoriais, por exemplo, pulgas ou piollos.
  • Protección específica dos alimentos, con obxecto de evita-la súa deterioración e que sirvan de base para a expansión de poboacións.
  • Instalación de sistemas de illamento e protección para impedi-lo paso de insectos: colocación de mallas e enreixados. En canto ás normas básicas de edificación, deben evitarse as reixas, fendeduras, etc. onde poden aloxarse e reproducirse os insectos.

Sistemas tradicionais

Os nosos procedementos de xestión oriéntanse a combinar diferentes actuacións de forma conxunta e coordinada, con recomendacións en tarefas de limpeza, hixiene e saneamento, antes de nos dirixir a controlar un inzo, minimizando os efectos adversos segundo as seguintes premisas:

  • Coñece-lo tipo de inzo, o seu ciclo biolóxico e hábitos de vida.
  • Estudia-la súa distribución espacial, cuantifica-la infestación e avalia-la incidencia.
  • Uso de métodos de control biolóxico.
  • Selección de praguicidas, primando o uso de feromonas polas súas vantaxes (actúan especificamente e non afectan os insectos predadores, teñen baixísima toxicidade para animais superiores e non deixan residuo contaminante).
  • Selecciona-lo sistema de aplicación máis idóneo:

Pincelada: permite tratar zonas moi localizadas por onde pasa habitualmente o insecto reptante, en lugares comprometidos onde hai alimentos ou obxectos susceptibles de seren contaminados, como cociñas, bares. O producto é un insecticida que se aplica con brocha, recubrindo así as superficies de tránsito ou refuxio dos insectos.

Esparexemento: utilízase adoito en zonas onde non é recomendable dispersar productos líquidos (cables eléctricos, salas de máquinas, etc.), debido a que a humidade é prexudicial ou porque o acceso é difícil.
A aplicación non é dirixida pero ten a vantaxe dunha maior persistencia. O producto preséntase en forma de po e os insectos morren por contacto ou inxestión.

Pulverización: é unha das técnicas máis utilizadas. Os productos preséntanse en forma de líquidos, normalmente de base oleosa e acuosa, líquidos emulsionables, pos mollables ou solubles. Utilízanse equipos de presión constante, manuais ou automáticos, que teñen a vantaxe de que a aplicación é dirixida de xeito que é posible regula-lo grosor da gota. As partículas impelidas estarán flotando no ambiente durante un tempo prolongado e deposítanse paulatinamente na superficie tratada.

Nebulización: ten a vantaxe de garantir unha maior persistencia do producto, pero hai que ter coidado con cáles se seleccionan xa que os de base oleosa poden deixar unha película de graxa sobre os obxectos da zona tratada. Non é unha aplicación dirixida, pero ten a vantaxe de penetrar por zonas ás que non se chegaría coa pulverización. Utilízase para grandes superficies e é un método rápido e económico.

Termonebulización: a característica fundamental é o grosor da gota. Fórmase unha néboa densa que penetra por tódolos orificios da zona tratada. A súa desvantaxe é a pouca resistencia, pero resulta útil para o control de pragas voadoras e rastreiras. Empréganse aparellos mecánicos e eléctricos, e resulta un bo método de apoio xunto da pulverización e a nebulización.

Xel: atraente insecticida desenvolvido cun amplo espectro de acción sobre os distintos tipos de cascudas. Aplícase en áreas sensibles ó paso das cascudas, en zonas de pouca intensidade de luz, con baixa humidade e que están ocultas á vista -esquinas, fendeduras, buratos, físgoas, sumidoiros, neveiras, cociñas, cafeteiras, etc.-. Ten máxima eficacia en lugares onde a praga está localizada. Unido á boa acción de choque e a excelente residualidade, permite unha rápida recuperación do local tratado debido á ausencia de prazo de seguridade.

Sistemas alternativos

Métodos físicos

Trapelas: podemos diferenciar tres tipos de trapelas:

Cola: moi simples, de cartón ou outro material. Mediante unha feromona ou cebo, os insectos son atraídos ata o interior, onde está a cola adhesiva na que quedan pegados. Úsanse especialmente como técnica de avaliación das infestacións, en inspeccións e en actuacións de control de cascudas.

De feromonas: pola súa inocuidade, teñen grande interese para combate-los insectos e en especial as pragas dos alimentos almacenados. Son atraídos ó interior do dispositivo e alí eliminados por métodos físicos ou químicos.

De luz ultravioleta: empréganse para eliminar insectos voadores que son atraídos cara ó aparello pola luz ultravioleta e destruídos ó contactaren coas resistencias eléctricas.

Aspiradores: non hai dúbida de que o uso diario dun aspirador é o medio máis importante para ter certas pragas baixo control; isto é aplicable tanto a vivendas como a industrias. Moitos insectos son eliminados mediante este sistema. Moi indicado para pragas de ácaros do po, pulgas, etc.

Calor: os artrópodos son sensibles ás temperaturas elevadas e en media hora poden ser destruídos a 60-70 ºC, ben sexan os ovos, as larvas ou os adultos. Deste modo, a roupa sometida a altas temperaturas é desparasitada. Tamén resulta un método útil para as superficies e obxectos de madeira.

Frío: a temperaturas inferiores a 10 ºC, a maior parte dos insectos interrompen todo movemento, desenvolvemento e deixan de pór ovos. Con todo, requírese temperaturas incluso máis baixas para o seu control, e existe unha diferencia considerable na tolerancia das diferentes especies.

Ondas sonoras, microondas: moi empregadas como técnica disuasoria fronte a determinados insectos; se ben provocan o afastamento das instalacións, non facilitan o seu control.

Métodos de loita biolóxica
A posta en liberdade de depredadores, parasitos ou microorganismos patóxenos que limitan o número de pragas e o uso de substancias naturais como as hormonas, son métodos eficaces para controlar pragas de artrópodos en xeral. As pragas urbanas teñen inimigos naturais que poden empregarse para combatelas en determinadas circunstancias.
Estes métodos baséanse no uso de especies depredadoras da praga diana, sen que iso supoña alteración ningunha para o ambiente.
Outro método consiste en introducir gran número de machos estériles. Desta maneira, as femias non poden aparearse, polo que se limita fortemente a capacidade de expansión da poboación e o seu crecemento.
Por último, hai que sinala-los métodos máis empregados: inhibidores de crecemento e feromonas. Os inhibidores da formación da quitina actúan en etapas de muda dalgunhas especies de insectos, impedindo a formación da cutícula e, polo tanto, da cuberta externa, co que as larvas morren sen chegar á fase adulta. As feromonas desencadean diferentes respostas fisiolóxicas e de conducta entre as poboacións de insectos, e son utilizadas como engado ata as trapelas con praguicida ou outro elemento destructivo. Existen distintos tipos: de atracción sexual, de agregación, de dispersión, trazadoras, de alarma, disuasorias, etc.

DESINFECCIÓN AMBIENTAL

AMBITOS DE APLICACIÓN

- Hospitais e clínicas -
- Cárceres -
- Hoteis -
- Casas particulares -
- Medios de transporte público -
- Laboratorios -

A desinfección é un proceso que ten como único fin a destrucción dos xermes patóxenos, é dicir, con capacidade de producir infeccións ós seres humanos ou ós seus animais domésticos. A desinfección practicase para destruír os xermes perigosos gracias o poder bactericida dun desinfectante, que cun tempo de contacto definido, debe reducir ó mínimo o número de microorganismos viables presentes nos ensaios en branco. O rol primordial da desinfección corresponde polo tanto o desinfectante aplicado xa sexa mediante contacto ou vía aérea.
Desde o punto de vista práctico, en calquera tipo de colectividade humana é sempre necesario desinfectar.
· Hospitais e clínicas
· Psiquiátricos, xeriátricos, etc
· Cárceres
· Hoteis
· Casas particulares
· Medios de transporte público
· Laboratorios
· Saneamento do aire acondicionado

O obxectivo do análise é comprobar o estado bacteriolóxico de ambientes e chans para verificar a necesidade ou os resultados dos tratamentos.

TIPOS DE DESINFECCIÓN

Desinfección de superficies por contacto directo é a que se práctica cando se aplica directamente o desinfectante sobre tales superficies, de maneira que aquel, diluído ou non, molla as superficies tratadas. Pódese aplicar directamente diluído en auga, ou mediante pulverización.

Desinfección de superficies por vía aérea consiste na proxección dun desinfectante ó ambiente mediante un aparato, termonebulizador, en forma de partículas de aerosol de tamaño próximo a 1 micra (1/1000 mm) de forma que alcancen por difusión tódalas superficies do local e non por sedimentación como ocorre con outros sistemas aparentemente análogos baseados na simple atomización ou pulverización de desinfectantes no aire. Este método precisa un tempo de recuperación do local de 12 h. Como máximo.

A desinfección estará sempre precedida dunha operación previa de limpeza. Debe coñecerse o plan de limpeza para non crear antagonismos entre deterxentes e desinfectantes.

Método de análise

· Ambiente:

Empregaranse placas Petri, cos medios apropiados para cada caso, deixándoos en tempos determinados en exposición.

· Chans:

Será empregada a placa Rodac, específica para este sistema, con medios diferenciais para os diferentes usos.

Serán obxecto de análise os seguintes parámetros:

- Carga bacteriana total: basease na contabilidade de toda a flora existente nun ambiente e referida a unha superficie determinada.

- Enterobacteriaceas: xenericamente e salvando excepcións os compoñentes deste grupo son patóxenos.

- Fungos: o seu estudio de grande importancia en lugares onde se produce unha gran acumulación de persoas, como aseos e vestiarios.

CONTROL DE AVES

Un dos misterios do mundo do control de pragas é que, mentres que hai miles de aves nas nosas cidades e aínda que son coñecidas portadoras de enfermidades e causante de danos, son consideradas "simpáticas". O control de aves vese polo tanto dificultado pola opinión pública a cal, non pon, sen embargo, obxeccións ó control de ratas e ratos.

As aves son un perigo para a saúde pública por diversas razóns.

O espectro de organismos causantes de enfermidades asociados con esta especie é moi parecido ó que se encontra coas ratas, por exemplo os microorganismos causantes de salmoneloses, toxoplasmoses e pneumonía.

Son tamén portadoras de arañeiras e carrachas que migran dende os áticos e outros lugares onde están os niños e que tamén causan alerxias e enfermidades.

As súas feces conteñen sustancias agresivas que disolven a pedra e outros materiais de construcción a través dos anos. Danan a estética dos edificios e estes requiren reparacións custosas.

As excrecións deixan depósitos resbaladizos sobre os pavimentos os cales son sucios e poden ser perigosos, especialmente para os anciáns.

Gústanlles as nosas cidades porque hai abundante alimento e os edificios tanto novos coma vellos teñen moitos sitios onde poden pousarse e aniñar.

A solución permanente o problema e denegarlles o acceso os edificios ou polo menos facelos menos atractivos para elas.

Isto pódese lograr mediante o uso de redes antipaxaros ou mediante outros sistemas como os de arame e o de púas.

REDE ANTIPAXAROS

O emprego da barreira de redes é un dos métodos máis efectivos e duradeiros para previr que a praga dos paxaros urbanos se pousen sobre os edificios. Están deseñadas para durar polo menos 10 anos si se instalan correctamente.

SISTEMA DE ARAME

Este sistema consiste nun arame de aceiro inoxidable tensado por resortes e con soportes de postes de aceiro inoxidable. É o sistema máis usado para previr que se pousen os paxaros nas cornixas e repisas dos edificios.

SISTEMA PARA PREVIR
QUE SE POUSEN OS PAXAROS

Consiste en tiras de policarbonato con púas de aceiro inoxidable fixadas á base. Hai unha configuración posible para cada tipo de cornixa. Pódense fixar a construcción con parafusos ou con cola de silicona se non é axeitado perforar.